Ser
xesuíta













San Francisco Javier

Francisco Jasso (Javier, Navarra, 1506 - Isla de Sanchón, China, 1552) é o ambicioso estudante da universidade de París no que Ignacio forxará o paradigma de misioneiro para as xeracións vindeiras. Enviouno e non houbo fronteiras, linguas ou perigos que freasen o seu celo apostólico por levar a Xesucristo ós confíns do mundo. Percorreu a India, puxo as bases para as posteriores misións en Xapón e morreu ás portas de China, entón descoñecida. Viaxeiro que escribía cartas cheas de paixón pola súa misión ós seus compañeiros de Europa, hoxe segue a ser unha das figuras máis cativadoras da Compañía de Xesús e da Igrexa.
San Xosé de Anchieta

O «apóstolo de Brasil» (San Cristóbal de la Laguna, Tenerife, 1534 - Reritiba, Brasil, 1597) é exemplo de inculturación e de defensa dos débiles. Tras rematar o noviciado ós 19 anos marchou a América onde viviu sempre en contacto cos indíxenas, dominando la lingua tupí ―da que escribiu a primeira gramática e un catecismo― e diferentes elementos daquelas culturas, como a botánica, o uso de plantas medicinais ou a artesanía. Esforzouse en pacificar os pobos indíxenas e defendeu con firmeza os seus dereitos, así como o dos mestizos, fronte ós que pretendían escravizalos. Fundou a cidade de Sao Paulo e tamén é recoñecido como pai das letras brasileiras pola súa obra dramática e poética.
San Alonso Rodríguez

Alonso Rodríguez (Segovia, 1532 – Palma de Mallorca, 1617) é o Padroeiro dos Irmáns da Compañía de Xesús. Á morte da súa dona e fillos, este comerciante arruinado e fracasado, decidiu renovar a súa vida por completo. Ingresou na Compañía de Xesús ós 39 anos e a súa principal tarefa foi a de ser porteiro no Colexio Montesión de Palma de Mallorca. Modelo de humildade e de vida interior, esforzouse por vivir a presenza de Deus constantemente. Sabedores da súa santidade, as xentes viñan falar con el, dende o vicerrei ata o máis pobre. Por orde dos seus superiores escribiu un tratado espiritual que hoxe ocupa tres volumes. Nestes escritos, así como na súa exemplar vida, Alonso Rodríguez móstrase como un verdadeiro místico que ilumina, dende unha sinxela portería, a misión da Compañía universal.
San Pedro Claver

A historia de Pedro Claver (Verdú 1580 — Cartaxena de Indias, 1654), transpórtanos á Cartaxena de Indias da súa época, auténtico fervedoiro de negreiros, piratas e inquisidores. Claver é un exemplo de amor polos máis pobres e marxinados. Enfrontouse con heroísmo á trata de persoas e entregou a súa vida a atender os escravos que chegaban ó porto, recoñecendo a Xesús nos que nin sequera eran considerados persoas. Acudía ás bodegas dos navíos onde os traían amoreados e ós almacéns onde os metían, para axudalos, sandalos e aprenderlles a catequese. Ó facer ous seus votos perpetuos estampou onda a súa sinatura a consigna da súa vida: «Pedro Claver, escravo dos negros para sempre».
Pedro Arrupe

Pedro Arrupe (Bilbao, 1907 – Roma, 1991) foi Prepósito Xeral da Compañía de Xesús entre 1965 e 1983. Considerado como unha das figuras máis relevantes da historia social e eclesiástica do século XX, era un home fondamente humilde, cuxo centro e modelo foi Xesús de Nazaret. Un home universal, que soubo inculturarse nun contexto tan diferente coma o do Xapón, un pobo onde viviu a terríbel experiencia da bomba atómica. Arrupe foi un adiantado ó seu tempo. Impresionado pola xente que fuxía de Vietnam en barcos, en 1980 creou o Servizo Xesuíta ós Refuxiados para acompañar, servir e defender os desprazados. Sendo el Xeral da Compañía, a Congregación Xeral 32 reformulou a misión dos xesuítas integrando de xeito inseparábel o servizo da fe e a promoción da xustiza.
Vicente Cañas

O Irmán Vicente Cañas (Alborea, Albacete, 1939 - Mato Grosso, Brasil, 1987) é o exemplo dunha forma de presenza misioneira baseada no pleno respecto da cultura e formas de vida dos pobos. Cañas viviu durante más de dez anos integrado na tribo Enawenê-Nawê, que non tiña ningún contacto co home branco. Defendeu os dereitos dos indíxenas da Amazonía e morreu asasinado polos terratenentes que arrodeaban as terras dos indios. Ata esta data os seus asasinos no foron xulgados. Unha sinxela pedra tirada do leito do río marca o lugar onde está soterrado. Gravado nela pódese ler: Kiwxí, o nome intraducíbel co que os indios o chamaban.
Luis Espinal

Lucho Espinal (Sant Fruitós de Bages, Barcelona, 1932 - La Paz, Bolivia,1980) foi un home dotado dunha especial sensibilidade artística e poética, que puxo ó servizo dos máis desfavorecidos, primeiro en España e logo en Bolivia, país no que se nacionalizou en 1970. Espinal atopouse alí na encrucillada entre a morte e a vida, entre os ídolos do poder que causan a morte e a vida do pobo ameazada. E optou polo Deus da vida. A través dos seus escritos, poemas, programas de televisión e guións defendeu os dereitos humanos contra as ditaduras e implicouse nas loitas dos mineiros e da poboación rural de Bolivia. A «opción preferencial polos pobres» fixo que entregase a vida nas mans dun grupo de paramilitares que o secuestraron, torturaron e asasinaron na noite do 22 de marzo de 1980.
Ignacio Ellacuría

Ignacio Ellacuría (Portugalete,1930 - San Salvador, 1989) podería ser lembrado como un gran filósofo e teólogo. Mais o seu compromiso intelectual na denuncia das inxustizas estruturais que padecía O Salvador levouno á morte e converteuno nun referente universal da defensa dos dereitos humanos. O Salvador dos anos 80 era un país en guerra civil e con enormes desigualdades que sufrían, principalmente, as maiorías campesiñas empobrecidas. Sendo reitor da UCA, Ignacio Ellacuría avogou por un cambio social a prol dos máis pobres, condenou a violencia e os abusos do goberno e esforzouse en buscar unha saída negociada ó conflito armado. Foi asasinado por un destacamento de soldados salvadoreños, xunto cos tamén xesuítas Segundo Montes, Ignacio Martín-Baró, Amando López, Juan Ramón Moreno e Joaquín López, ademais dunha traballadora doméstica e a maila súa filla: Julia Elba e Celina Ramos.
San Francisco de Borja

Francisco de Borja (Gandía, Valencia,1510 - Roma 1572) era membro dunha das familias máis célebres do reino de Aragón. Gozou de tódolos honores ós que se poida aspirar: foi duque de Gandía, marqués de Lombay e Vicerrei de Cataluña. Mais á morte da súa dona, coa que tivo oito fillos, renunciou a todo e entrou na Compañía de Xesús, da que foi terceiro Prepósito Xeral. A súa humildade impresionaba os que lembraban o inmenso poder da súa familia. Foi un organizador infatigábel, propagou as misións xesuítas por todo o mundo e deu tal impulso á Compañía que é recoñecido como o seu segundo fundador.
San Xosé María Rubio

Xosé María Rubio (Dalías, Almería, 1864 – Aranjuez, Madrid, 1929) foi o maior dos trece fillos dunha familia campesiña. Foi sacerdote diocesano secular, mais a súa afección á Compañía de Xesús levouno a ingresar no noviciado ós 42 anos. Toda a súa vida centrábase en cumprir a vontade de Deus: «Facer o que Deus quere e querer o que Deus fai». Madrid foi o campo do seu intenso apostolado, particularmente os pobos pequenos e os suburbios máis pobres. Fundou e fixo medrar multitude de obras e a súa sona de santidade era extraordinaria. As persoas gardaban cola durante horas para se confesar con el e abarrotaban os templos para escoitalo predicar. Era un home que sabía escoitar, sen urxencia, e as súas palabras sinxelas chegaban ó fondo da alma.
San Juan del Castillo

Falar de Juan del Castillo (Belmonte, Cuenca, 1595 - Asunción, Paraguai, 1628) é referirse ó verdadeiro legado da humanidade que constitúen as reducións do Paraguai. Coñecer a súa vida é percorrer as paisaxes, as cataratas, a natureza en estado puro…, aquelas escenas tan impresionantes da película A Misión; mais tamén é transitar por camiños estreitos e tortuosos onde os intereses humanos, os gobernos, os quefaceres políticos, económicos e relixiosos xogaron un papel fundamental, ata lle facer entregar a vida. Tivo a coraxe de apostar a súa vida por un soño, por unha humanidade nova, polo Reino, e morreu a mans dun grupo de indíxenas hostís ás reducións, que o arrastraron, apedraron e golpearon ata a morte.
Pedro Paez

A de Pedro Páez (Olmeda de las Fuentes, Madrid, 1564 – Gorgora, Etiopía, 1622) é unha vida de aventura imposíbel de resumir. Viaxou como misioneiro á India e a Etiopía, cruzou o océano Índico e o mar Vermello, foi capturado polos 5 árabes e vendido como escravo ós turcos. Permaneceu cativo case sete anos, remando en galeras turcas e atravesando a pé encadeado desertos de Arabia dos que ninguén oíra falar en Occidente. Tras o seu rescate, Páez non se rendeu e volveu a Etiopía onde realizou un labor misioneiro e científico sen igual. Adquiriu o idioma e os costumes locais, gañouse a confianza dos emperadores etíopes e é un modelo de intercambio cultural sen imposicións. Foi o primeiro occidental en chegar ás fontes do Nilo Azul (lago Tana de Etiopía), e tamén, entre outras moitas cousas, o primeiro en beber café e documentalo. Javier Reverte recolle a súa fascinante historia en Dios, el diablo y la aventura.
Beato Francisco Gárate

O P. Pedro Arrupe declarou que Francisco Gárate (Azpeitia, 1857 - Bilbao, 1929) fora a persoa que impartira a mellor lección endexamais pronunciada na centenaria historia da Universidade de Deusto. Este irmán xesuíta estivo destinado toda a súa vida na portería da Universidade. Recibía con amabilidade e agarimo a calquera que chegase e axudaba en todo canto podía. Os estudantes chamábano agarimosamente “Irmán Finuras”, polos seus finos modais e delicadeza de alma. Viviu convencido de que cumpría co que o Señor lle estaba a pedir a través da Compañía e converteuse, en palabras de Xoán Paulo II, en testemuño concreto e actual do valor da vida interior como alma de todo apostolado.