Mocidade
- Homes e mulleres PARA os demais
- Colexios abertos
- Universidades: Saber para SERVIR
- Antigos Alumnos/as: En sintonía
- MAGIS: vivir máis con DEUS
- SAÍR dun mesmo con Outro
- COMPARTIR a Vida con outros
- SERVIR con sinxeleza e ledicia
- SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
- Un estilo de vida con marca “+”
MAGIS: vivir máis con DEUS
Coa pastoral MAGIS ofrecemos ós mozos universitarios e profesionais (18-30 anos) unha maneira de ollar a realidade e vivir a vida dun xeito diferente: dende ese “máis” (MAGIS) que mobilizou Santo Ignacio.
Trátase dunha ollada distinta nas catro direccións cardinais da nosa vida: cara a dentro (a miña propia identidade), cara ó lado (os outros e a comunidade), arredor (os máis febles e a sociedade) e cara ó horizonte (o futuro e a humanidade). Son as catro olladas dun peregrino, da persoa que quere medrar e avantar, compartir e transformar a realidade. Unha ollada así permitiranos recoñecer a Deus en tódalas cousas, persoas e circunstancias e mobilizaranos con máis intensidade, autenticidade, xenerosidade e esperanza.
Ó ollar a vida así pode un poñerse en camiño … e vivir MAGIS, vivir MÁIS con DEUS.
SAÍR dun mesmo con Outro
Quen son eu? Como quero ser e vivir? Para que estou no mundo? Provocar estas preguntas e axudar a respondelas é un dos primeiros obxectivos do noso traballo coa xente moza. No intre en que un comeza a ollar cara a dentro con máis profundidade e asume as súas calidades e limitacións, empeza a descubrir desexos máis fondos que o mobilizan e comeza unha busca que xa non se deterá …
É unha busca que me leva a saír fóra: o camiño da historia cotiá, unha historia persoal na que cada decisión me achega ó que estou chamado a ser (ou me afasta del), e con Xesús (compañeiro de vida) aprendo a decidir e a elixir (discernir, dicía Santo Ignacio) o que me fai ser máis auténtico.
Para SAÍR dun mesmo ofrecemos retiros, exercicios espirituais na vida cotiá, reflexión, formación e iniciación e acompañamento na oración.
COMPARTIR a Vida con outros
Toda persoa é un agasallo que reflicte a faciana de Deus. Este é o descubrimento dunha ollada crente cando olla as persoas coas que convive e se atopa. Familia, amigos, compañeiros son oportunidades de vivir unha vida dende o servizo.
Ó compartila, a vida desenvólvese e multiplícase. Na relación con outros, podemos recoñecer o Amor de Deus, que nos quere e coida, que nos acompaña, orienta e sostén dun xeito efectivo e concreto. E ese camiño compartido na historia é experiencia de comuñón, experiencia de Igrexa como pertenza agradecida e comprometida.
Para COMPARTIR a vida ofrecemos experiencias de convivencia, de grupos, de crear comunidade.
SERVIR con sinxeleza e ledicia
A espiritualidade ignaciana convida a persoa a unha ollada cara ó mundo dende os ollos de Deus. E a ollada de Deus diríxese ás marxes dos camiños, lonxe das portadas ou “trending topics”, para recoñecer nas vítimas do noso mundo os nosos irmáns e irmás. E a súa ollada interpélanos … Eles chámannos e espérannos.
Servir é un xeito de concretar o amor, é fonte de ledicia e pódese converter naquilo que dea sentido máis fondo á nosa vida. Tódolos talentos e posibilidades que unha persoa moza ten acadan sentido cando se orientan cara ó servizo e non se gardan para o propio proveito. Ademais, dende unha ollada aínda máis profunda, un pode atopar neles a Deus que nos espera, de xeito palpábel e misterioso.
Para SERVIR ofrecemos experiencias de voluntariado durante o curso ou campos de traballo no verán e promovemos a implicación en movementos sociais e de igrexa que buscan unha sociedade máis xusta e fraterna.
SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
Os nosos soños modelan os nosos desexos e esforzos. E os soños que pasan polo Evanxeo van alén dunha carteira de accións e son máis valiosos ca unha medalla de ouro. Ó ollar o horizonte, provocámolos a que vexan algo máis ca muros, luces de cores ou a pantalla do gadget… Ollar o mundo, a humanidade, o futuro … e que xurdan os soños dun mundo que sexa fogar para todos e unha humanidade que trate a todos coa mesma dignidade. Ollando o horizonte é posíbel recoñecer también a Deus na entrega diaria, a confianza apaixonada, o compromiso fiel.
“A diferenza entre dalo todo e case todo é infinita”. Con estas palabras, Marc Vilarassau sj, un compañeiro xesuíta, falecido aínda mozo, reflectía o “efecto” desta ollada ó horizonte nas pequenas cousas da vida cotiá.
Para SOÑAR ofrecemos experiencias que buscan integrar tódalas dimensións da vida dende Deus, como o acompañamento persoal, para se formular opcións que “o dean todo”.
Un estilo de vida con marca “+”
A Pastoral MAGIS é unha proposta de vivir co signo “+” como marca dun estilo de vida: SAÍR máis dun mesmo, COMPARTIR máis cos outros, SERVIR máis os vulnerábeis e SOÑAR máis con ese horizonte que Xesús nos propón coa súa Vida.
Faise visíbel a través dunha rede de centros de pastoral, universidades, parroquias e templos da Compañía de Xesús, nas principais cidades de España. Realízase grazas ó esforzo e traballo de moitos voluntarios/as: laicos/as, relixiosas e xesuítas, sobresaíndo a colaboración estreita coas Escravas do Sagrado Corazón, Fillas de Xesús e Relixiosas de Xesús-María, congregacións de espiritualidade ignaciana as tres.
Esta Pastoral MAGIS desenvólvese en continuidade coa Pastoral xuvenil e colexial dos centros educativos da Compañía de Xesús, dirixida a nenos e adolescentes. Se queres saber máis, bótalle unha ollada a www.pastoralsj.org, www.rezandovoy.org e www.serjesuita.org ou escríbenos a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.