Educación
- Homes e mulleres PARA os demais
- Colexios abertos
- Universidades: Saber para SERVIR
- Antigos Alumnos/as: En sintonía
- MAGIS: vivir máis con DEUS
- SAÍR dun mesmo con Outro
- COMPARTIR a Vida con outros
- SERVIR con sinxeleza e ledicia
- SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
- Un estilo de vida con marca “+”
Homes e mulleres PARA os demais
«Formar homes e mulleres para os demais, responsábeis de si mesmos e do mundo que os rodea e comprometidos na tarefa da súa transformación cara a unha sociedade fraterna e xusta».
A educación nos centros xesuítas baséase na acollida e acompañamento das persoas co propósito de que adquiran as aprendizaxes adecuadas para chegaren a ser:
CONSCIENTES, de si mesmos e do mundo no que viven,
COMPETENTES, para afrontar os problemas técnicos, sociais e humanos da sociedade,
COMPROMETIDOS coa construción dun mundo máis xusto,
COMPASIVOS, e abertos ó sentido da existencia de Deus.
Homes e mulleres que buscan o “meirande ben” na realización do compromiso da fe e da xustiza, para mellorar a calidade da vida humana, especialmente dos máis pobres.
A educación xesuíta, con máis de catro séculos e medio de experiencia, baséase na Pedagoxía Ignaciana cuxa clave é ensinar a pensar e ensinar a aprender. Plásmase nos seus colexios e universidades.
Colexios abertos
A Compañía de Xesús asume a tarefa educativa como unha participación na misión evanxelizadora da Igrexa. Por iso, os nosos centros queren ofrecer á sociedade unha clara inspiración cristiá e un modelo de educación liberadora e humana.
Os nosos colexios desexan conxugar a innovación pedagóxica coa experiencia centenaria da pedagoxía ignaciana, que suxire unha multitude de camiños para que os educadores acompañen os seus alumnos na aprendizaxe e na madureza, enfrontándoos coa verdade e co sentido da vida.
Os xesuítas temos en España 68 centros educativos onde estudan 75.000 alumnos/as presenciais. En 22 deles ofrécese unha formación profesional de calidade. Ademais, 100.000 alumnos/as son educados on line a través de Radio ECCA.
Os colexios xesuítas buscan ser centros abertos, participativos e lugares de diálogo.
O seu influxo esténdese a través dos milleiros dos seus antigos alumnos/as.
Universidades: Saber para SERVIR
As universidades xesuítas buscan:
Formar homes e mulleres como profesionais competentes e cidadáns responsábeis que poñan o seu saber e as súas competencias ó servizo dos demais.
Investigar e aportar coñecemento útil naqueles ámbitos onde se presentan os meirandes retos á persoa humana e á sociedade en xeral.
Inspirar dende o Evanxeo iniciativas que conduzan a unha sociedade máis humana, máis xusta, máis solidaria, estando nas fronteiras e tendendo pontes para un diálogo enriquecedor e fecundo entre a tradición cristiá e as culturas do noso mundo.
As universidades xesuítas pretenden conxugar o rigor académico coa atención personalizada e a promoción da conciencia social. En España fórmanse máis de 40.000 alumnos/as en 11 centros e universidades, así como en 5 colexios maiores. Máis de 250.000 antigos alumnos/as pasaron por eles. Os centros universitarios aglutínanse na rede UNIJES que impulsa alianzas e proxectos comúns.
Antigos Alumnos/as: En sintonía
Cando coñeces a antigos alumnos/as de colexios ou universidades xesuítas algo subxace na maioría deles e delas: póñense a falar e semellan sintonizar na mesma onda. Moitos falan con agarimo dos seus mestres, dos seus centros, da liberdade na que foron educados e da inspiración que lles foi transmitida.
Uns aplicaron toda esa ensinanza ás súas vidas, outros deixárona só latente. Mais para a maioría é entrañábel lembrar o lugar que os formou e os axudou a se construír como persoas.
A pegada dos colexios e universidades xesuítas esténdese no tempo e no espazo a través dos milleiros dos seus antigos alumnos/as. Pódelos atopar en España na federación de antigos alumnos de colexios ou entre os máis de 250.000 alumnos/as que pasaron polos seus centros universitarios. Ou no mundo na World Union of Jesuit Alumni.