Colabora
Na Compañía de Xesús, xesuítas e laicos/as traballamos xuntos, compartindo inquedanzas, ilusións e vocación de servizo. Se despois de visitares esta páxina web te sentes en sintonía co que fuches atopando, se compartes as nosas inquedanzas, se queres coñecer a nosa forma de traballar e pensas que che gustaría colaborar connosco, aquí tes algunhas propostas concretas.

Faite voluntario.
Navegando por esta mesma páxina atoparás información sobre moitas das nosas organizacións e actividades concretas, nas que o labor de voluntarios e voluntarias é fundamental: proxectos de reforzo escolar para nenos/as e xente moza, acompañamento a persoas sen fogar, formación e apoio a migrantes, actividades de ocio para nenos/as… Podes dirixirte directamente á organización na que cres que mellor podes encaixar e ofrecer a túa dispoñibilidade como voluntario/a.

Súmate ás nosas campañas.
No noso compromiso de traballar por un mundo máis humano e máis xusto faise necesario tecer redes entre persoas e organizacións para promover a sensibilización e a transformación social, buscando incidir nas nosas accións e comportamentos persoais mais tamén nas decisións políticas que afectan a dignidade e os dereitos de moitas persoas. Podes axudarnos a logralo sumándote e dando a coñecer as nosas campañas de incidencia.

Na oración.
Cando oramos non estamos sós. Formamos parte dunha comunidade que se estende por todo o mundo. Na oración vinculámonos á vida e experimentamos a fe como un don que frutifica na xustiza e na fraternidade. Se desexas unirte á nosa oración, convidámoste a facelo, encontrando o espazo e o formato que che resulte máis axeitado. Como adoita dicir o papa Francisco, tamén che pedimos: reza por nós!

Colabora cunha aportación económica
Para nos axudar a levar a cabo os nosos proxectos de servizo á fe e á promoción da xustiza. Podes dirixirte á nosa Oficina de Recursos, no teléfono 91 534 48 10 (e/ou facer unha doazón en: Banco Popular ES09 0075 0241 4306 0071 2431)