Espiritualidade
ignaciana
A espiritualidade é para o crente o camiño que o achega a Deus e inclúe oración, intuición, reflexión, acción e comprensión de quen é ese Deus para nós manifestado en Xesús. E ese camiño remata condicionando a propia vida e a nosa comprensión do mundo.
A espiritualidade ignaciana atopa a súa fonte na experiencia de Santo Ignacio, plasmada nos Exercicios Espirituais. Sostense nun Deus que habita e traballa en tódalas criaturas e en todo o que nos acontece. Impúlsanos a vivir dende un profundo sentimento de agradecemento por tódolos dons recibidos, fainos conscientes das nosas feblezas e apórtanos claves que transforman as nosas relacións converténdonos en persoas que enfocan a súa vida cara ós demais.
Os principais piares da espiritualidade ignaciana son:
-
Buscar e atopar a vontade de Deus sobre a miña vida. Non o máis perfecto obxectivamente, senón o que Deus quere de min.
-
Ensanchar o corazón cara ás dimensións do mundo, mais aterrando no concreto para non me perder en vaguidades ou en ideais irrealizábeis.
-
Coñecer a miña realidade o máis amplamente posíbel. De aí, examinar moito cada situación e tamén reflexionar moito sobre un mesmo.
-
Discernir, á luz da oración e da razón iluminada pola fe, como podo mellorar esa realidade para facela máis evanxélica.
-
Atopar a Deus en todo o creado, sendo contemplativos na acción.