Pastoral
- Homes e mulleres PARA os demais
- Colexios abertos
- Universidades: Saber para SERVIR
- Antigos Alumnos/as: En sintonía
- MAGIS: vivir máis con DEUS
- SAÍR dun mesmo con Outro
- COMPARTIR a Vida con outros
- SERVIR con sinxeleza e ledicia
- SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
- Un estilo de vida con marca “+”
Un mundo necesitado de Evanxeo
O labor pastoral ten distintas concrecións. De feito, todos na Compañía de Xesús buscamos a forma de mostrar a faciana de Deus no mundo e crear espazos nos que suscitar e acompañar a fe de persoas e comunidades. A fe non é algo máis que traballamos, senón algo dende o cal queremos vivir e medrar. Ese es o noso reto, e as actividades que realizamos pretenden testemuñar e transmitir ese compromiso.
Se entendemos por pastoral a busca dunha proclamación explícita do Evanxeo no noso mundo hoxe, existen institucións, ámbitos e iniciativas da Compañía de Xesús dedicadas explicitamente a isto. Dende a pastoral nos colexios e centros educativos ata o labor desenvolvido en templos e parroquias; os centros fe e cultura, onde se busca estabelecer ámbitos de encontro e diálogo entre a razón e a fe; o labor comunicativo a través de revistas e sitios web; as propostas vinculadas á espiritualidade ignaciana ―exercicios, retiros, talleres―, a música…
En todas esas actividades, a espiritualidade ignaciana lévanos a pór especial énfase na relación persoal con Deus. Unha relación onde se nos dá a coñecer o amor de Deus e a súa vontade concreta sobre cada un de nós.
Construíndo Igrexa
A tarefa evanxelizadora faise particularmente visíbel no labor que realiza a Compañía de Xesús a través de templos, parroquias e comunidades cristiás.
Os nosos espazos de culto están integrados no conxunto da actividade da Compañía: son lugares onde se celebran as actividades doutras obras e dan visibilidade ós xesuítas na cidade. Á vez, sendo parte da Igrexa local, contribúen á vitalidade eclesiástica en cada contexto e están abertos á sociedade.
O labor parroquial da Compañía de Xesús caracterízase polo seu compromiso coa xustiza, a apertura ó diálogo ecuménico e interrelixioso, o esforzo por chegar ós distanciados e ós non crentes, e a promoción da participación e liderado de laicas e laicos. Unha tarefa prioritaria para estas institucións é o fomento do coñecemento e práctica dos Exercicios Espirituais.
Mención especial merecen os santuarios xesuítas. En España temos o privilexio e a responsabilidade de contarmos con algúns dos lugares fundacionais da Compañía de Xesús. Foron estes ó longo dos séculos testemuñas da historia da salvación e mais da contribución dos xesuítas á construción do Reino, e convertéronse en espazos de encontro con Deus, ós que acoden fieis de todo o mundo para fortaleceren a súa fe.
Familias para os demais
A fe transmítese de pais a fillos. A Compañía de Xesús aspira a levar a cabo unha pastoral familiar que responda ós retos concretos que hoxe en día presenta a familia, coa fin de actualizar e fortalecer ese eixe natural da transmisión da fe.
As nosas institucións pastorais e educativas ―parroquias, colexios, universidades, centros de fe-cultura, centros de pastoral, etc.― promoven grupos e actividades para a formación e o acompañamento da parella e a familia nas diferentes etapas da vida.
Particular importancia ten a pastoral sacramental que facilita a celebración da fe coa familia e en familia. A Compañía de Xesús busca a plena implicación das familias na vida das parroquias, constituídas elas mesmas como institucións familiares.
Tamén se produce unha resposta ó desafío da familia no ámbito do pensamento e da comunicación, buscando recrear os valores familiares nos nosos días á luz do evanxeo e da espiritualidade ignaciana.