Social
- Homes e mulleres PARA os demais
- Colexios abertos
- Universidades: Saber para SERVIR
- Antigos Alumnos/as: En sintonía
- MAGIS: vivir máis con DEUS
- SAÍR dun mesmo con Outro
- COMPARTIR a Vida con outros
- SERVIR con sinxeleza e ledicia
- SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
- Un estilo de vida con marca “+”
Comprometidos coa xustiza
Caracteriza tódalas actividades dos xesuítas a súa opción pola xustiza e a súa vontade de servir, acompañar e defender as persoas e colectivos máis vulnerábeis. É tarefa de tódalas persoas e institucións da Compañía de Xesús, non só das que realizan unha acción social como núcleo da súa misión, senón tamén daquelas que dende o ámbito educativo, universitario, intelectual ou pastoral, promoven a sensibilización, a denuncia e o compromiso ante os problemas sociais.
A acción social da Compañía de Xesús lévase a cabo principalmente a través de entidades, colectivos e proxectos locais, que atenden tres prioridades: os e as menores en risco de exclusión social, a realidade migratoria e a cooperación internacional. Mais trabállase tamén en ámbitos coma o apoio a persoas sen fogar ou a atención socio-pastoral en centros penitenciarios, entre outros.
Os misioneiros xesuítas e cooperantes en distintos países do mundo, as comunidades de xesuítas insertas en barrios populares e centenares de colaboradores/as e voluntarios/as nos nosos centros entréganse a este labor dende a proximidade e o acompañamento. Non entendemos, pois, o noso compromiso social coma unha mera prestación de servizos ou axudas, senón como un camiñar xunto ás persoas, promovendo ó tempo a transformación social.

Construíndo futuro
Acoller e acompañar os nenos, nenas e xente moza que viven en situacións de vulnerabilidade e risco de exclusión social é unha das tarefas prioritarias da área de menores do sector social da Compañía de Xesús.
O traballo con menores céntrase na prevención da exclusión social, a través da formación e a promoción humana dos nenos/as e xente moza, para que poidan transformar a súa realidade e o seu contorno. Nos nosos centros destinados a menores, os equipos de profesionais e voluntarios/as acompáñanos neste proceso dende a proximidade, o respecto, a flexibilidade e, especialmente, a necesidade de potenciar as capacidades de cada persoa.
E fano en diferentes actividades e proxectos: educación no ocio, reforzo escolar, acollida de menores, educación emocional, unidades de escolarización, programas para combater o absentismo escolar ou de inserción laboral, entre outros. Parte fundamental é o apoio e acompañamento ás familias, especialmente ás nais, o que permite detectar e evitar o antes posíbel a situación de risco para o menor.

Un mundo máis xusto
Dende a cooperación internacional os xesuítas traballamos para o desenvolvemento das persoas e poboacións desfavorecidas dos países do Sur.
As nosas accións diríxense especialmente a facilitar unha educación de calidade para todos, a promover programas de desenvolvemento socioeconómico e a acompañar persoas refuxiadas e desprazadas.
En calquera caso, as propostas baséanse na implicación nos procesos das propias persoas.
Ó mesmo tempo traballamos para construír unha cidadanía comprometida que denuncie as inxustizas e transforme as estruturas que xeran pobreza e desigualdade.
Este labor realízase dende as dúas ONGs da Compañía de Xesús, Alboan e Entreculturas, en colaboración e coordinación con persoas e institucións de todo o mundo.

Acompañamos, servimos e defendemos
Son moitas as persoas migrantes e refuxiadas que quedan desprotexidas. Na migración revélanse inxustizas: fronteiras que exclúen, desigualdades xurídicas, explotación económica, instrumentalización das persoas como forza de traballo, segregación cultural, menores non acompañados, trata de persoas...
A acollida, o acompañamento e a defensa de dereitos forman parte da esencia do noso traballo con migrantes, tratando de incluír todas aquelas persoas que foxen da guerra, da persecución, da pobreza ou dos desastres naturais.
Traballamos tanto para defender a dignidade e os dereitos das persoas migrantes como para fortalecer a capacidade de acollida e hospitalidade da nosa sociedade, xerando cambios a favor da solidariedade e a inclusión.
Para acadalo, as diferentes entidades que forman a rede do Servizo xesuíta a Migrantes - España (SJM) levan a cabo proxectos de acollida, formación, defensa legal de dereitos, diálogo interrelixioso..., así como campañas de sensibilización e denuncia.

Romper o círculo da exclusión
Atopar xuntos novas oportunidades e novos camiños nos que recuperar a dignidade é o desexo de tantos proxectos locais de acollida a persoas sen fogar, atención a centros penitenciarios, comedores sociais, apoio a persoas con adiccións, etc.
En todos eles foron a experiencia e o contacto diario coas persoas os que foron creando unha forma de acompañar, de estar xunto a eles e elas, promovendo a súa autoestima e confianza, fomentando a súa participación. Mais ó mesmo tempo sen deixar de abordar, explicar e denunciar as causas que provocan a exclusión e traballando para a transformación social.
Mais non só o facemos dende o traballo en organizacións e proxectos, senón tamén na presenza das comunidades de xesuítas insertas en barrios populares, cunha proximidade afectiva cara ás persoas que se acompaña e nas comunidades de hospitalidade nas que se comparte teito con persoas en situación de fraxilidade, vivindo xuntos, cun proxecto común e nun espírito de familia.