Exercicios
Espirituais
A vida interior tamén hai que traballala. Os Exercicios Espirituais aseméllanse a unhas táboas de ximnasia interna que nos axudan a expoñérmonos á acción de Deus e a asumir a súa chamada a vivir a plenitude de vida que nos ofrece. Os Exercicios Espirituais son unha experiencia persoal e transforman a vida.
Seguen un método que se acomoda ó que cada persoa vai experimentando, coa axuda dun guía persoal, o acompañante.
Axúdannos a que o Espírito actúe en nós, nos transforme, libere o noso corazón de ataduras que nos escravizan e nos permita buscar e realizar a vontade de Deus sobre a nosa vida.
Este método que Santo Ignacio plasmou no Libro dos Exercicios Espirituais axudou, nos últimos catrocentos anos, a innumerábeis homes e mulleres a atoparen a Deus e a daren sentido ás súas vidas.
Para tódolos públicos?
Quen pode facer Exercicios? Os Exercicios Espirituais non son para xente boa, que non sente o aguillón dun “máis”. Non son para espíritos conformistas. Son para xente capaz de poñer en xogo o que ten, para perseguir o que ama. Xente sedenta de conversión profunda porque sabe que necesita algo máis e algo distinto, ou está atravesada pola busca e a arela do que Xesucristo promete ós seus amigos e amigas.
Os Exercicios son moldeábeis como a arxila, acomódanse a quen os fai. Así, hai Exercicios completos que se practican durante un mes enteiro, retirándose do quefacer cotián e en silencio nunha casa de exercicios. Realízanse en momentos importantes, cando hai que tomar grandes decisións ou revisar a propia vida a fondo. Tamén se poden experimentar dende o día a día de cada un a través dos Exercicios na Vida Diaria, e incluso dende hai uns anos existe a modalidade on-line. Dependendo da dispoñibilidade e do que un busca e necesita na súa vida pode realizar exercicios curtos, de oito ou catro días, ou os completos dun mes.
Para que facer Exercicios Espirituais?
Os Exercicios queren ser unha axuda para tomar en serio o evanxeo de Xesucristo. Para romper as ataduras do noso corazón que nos impiden ser verdadeiramente libres para amar. Para percibir o modo concreto en que Deus nos convida a construír o Reino e para non contentármonos cunha vida mediocre, a medio gas. Tamén para aproveitar o noso tempo e a nosa vida da mellor maneira posíbel. Para non ficarmos nas ideas, nas formulacións ideolóxicas, senón perseguir unha verdade que se verifica nunha experiencia gozosa e estimulante.
A persoa que fai Exercicios está motivada para buscar algo para a súa vida e pon algúns medios para reflexionar, meditar e examinarse por dentro. Quere ordenar a súa vida, facerse dono do seu destino. Desexa vivir máis coherentemente e más conforme ó que Deus quere. E nesa busca experimentará durante os Exercicios as súas dificultades e resistencias, desánimos e axitacións, mais tamén alegrías e esperanzas. Os Exercicios son un itinerario cara a Deus. Sabemos que se parte do presente, mais descoñecemos onde levan. En poucos días non ocorren grandes milagres, mais os Exercicios apuntan sempre cara a un máis, cara a algo novo: «Onde me queres, Señor, levar?».