Reflexión
- Homes e mulleres PARA os demais
- Colexios abertos
- Universidades: Saber para SERVIR
- Antigos Alumnos/as: En sintonía
- MAGIS: vivir máis con DEUS
- SAÍR dun mesmo con Outro
- COMPARTIR a Vida con outros
- SERVIR con sinxeleza e ledicia
- SOÑAR unha fraternidade universal nun mundo fogar
- Un estilo de vida con marca “+”
En diálogo co mundo
O traballo intelectual é parte integrante de tódalas nosas actividades. En áreas como a pastoral xuvenil, a educación, a vida parroquial, o labor asistencial ou o traballo a prol da xustiza, o xeito peculiar que ten a Compañía de Xesús de levar a cabo a súa misión presupón unha reflexión sobre o marco social, económico e político, así como sobre as cuestións antropolóxicas do noso tempo.
Pois ben, existen persoas e institucións xesuítas cuxa principal tarefa é ofrecer mediante o seu estudo e reflexión unha resposta dinámica ás necesidades do mundo actual, poñendo o Evanxeo en diálogo coas culturas, as ciencias e as tradicións relixiosas. Comunidades científicas, universidades, institucións de formación, publicacións e centros fe-cultura integran o apostolado intelectual xesuíta propiamente tal.
Dende Matteo Ricci a Karl Rahner, dende Baltasar Gracián a Marko Iván Rupnik, dende Atanasius Kirchner a Pierre Teilhard de Chardin, son moitos os xesuítas que ó longo dos séculos consagraron as súas vidas a esta tarefa. O apostolado intelectual hoxe lévase a cabo especialmente en áreas como a teoloxía, as ciencias sociais e humanas, o ámbito tecno-científico e a ética. Os seus esforzos contribúen ó desenvolvemento dun saber abirto á fe, descubrindo o Deus presente e activo no máis fondo da realidade e compartindo ese descubrimento.

Nas fronteiras da cultura
A Compañía de Xesús pon a disposición da comunidade eclesiástica e da sociedade civil os seus centros fe-cultura-xustiza nos que se fomenta a reflexión crítica e a análise dos acontecementos sociais ou eclesiásticos.
Son espazos de diálogo e encontro fronteirizo coas culturas e as relixións do noso tempo, que queren contribuír á promoción da xustiza e á transformación das realidades que xeran sufrimento, para avanzar cara a un mundo máis humano e máis xusto e cara a unha Igrexa ó servizo dos pobres.
Isto faise dende o compromiso e o rigor na análise, tecendo rede con outras persoas e entidades con obxectivos similares.
Como vehículo do pensamento e da reflexión que estas institucións elaboran, edítase un número importante de revistas e publicacións. Realízanse tamén cursos, seminarios, conferencias e diversos foros de diálogo e debate.

Unha teoloxía para o noso tempo
Nun tempo de cambios profundos e acelerados ábrensenos grandes oportunidades e esperanzas, mais emerxen ó tempo novas inxustizas e problemas ante os que queremos estar moi atentos, tamén dende a perspectiva teolóxica.
A nosa reflexión no ámbito da teoloxía quere ser rigorosa e moi aberta ós signos dos tempos, conectando a arela de xustiza do Evanxeo de Xesús coa realidade social e eclesiástica do noso tempo.
Así apostamos por unha teoloxía que axude a repensar o ser crentes no mundo de hoxe, a entrar en diálogo con outras relixións e cunha sociedade altamente secularizada, e que, coa ollada posta nas realidades do sufrimento, propicie unha Igrexa comprometida na defensa e servizo dos últimos e excluídos.

Publicacións
Ofrecemos o noso traballo de estudo e reflexión ó conxunto da sociedade como ferramenta de formación e análise crítica da realidade. Así, dende a publicación de libros ata a presenza nas redes sociais e nos novos medios dixitais, os centros de reflexión e as institucións académicas da Compañía de Xesús editan múltiples materiais que se distribúen e divulgan a través de diferentes plataformas.
En relación con isto, cabe destacar a produción editorial do Grupo de Comunicación Loyola; os cadernos CJ que, con vontade divulgativa abordan as cuestións fundamentais do diálogo fe-xustiza; a revista Razón y Fe, que conta con máis de cen anos de historia; os informes elaborados polo sector social, as revistas e publicacións académicas dos centros universitarios ou as plataformas online de reflexión e diálogo dos centros fe-cultura-xustiza, entreParéntesis e Cristianisme i Justícia.