Jesuitas España

Sabías

que?

Ignacio, o peregrinoMisión compartidaOnde estamosSabías que?
  • Por que vos chamades “xesuítas”?

    A verdade é que a palabra “xesuíta” non foi inventada nin usada por Santo Ignacio, nin pola Compañía. Non se atopa nin nas Constitucións, nin en ningún documento oficial, ata 1975. Ós “compañeiros de Xesús” empezóuselles a chamar “xesuítas” en Austria e Alemaña, no século XVI, cun ton despectivo. Mais co tempo os católicos atoparon que a palabra, pola súa brevidade e significado etimolóxico era moi axeitada para designar un membro da Compañía de Xesús, “un pequeno Xesús”. E ese foi o sentido que se estendeu de forma moi rápida.

  • Por que a Compañía de Xesús dedica tanto tempo á formación dos xesuítas?

    Si, certamente son moitos anos de formación. Nalgúns casos pasamos quince anos antes de facermos o compromiso definitivo, os últimos votos. Mais non son só anos de estudo, senón de formación integral. Son anos de profundar en calquera tipo de experiencia que nos permita entender mellor a xente e o mundo que Deus ama. Xa podes maxinarte que para ir máis alá do tópico, do branco e do negro, hai que pararse con paciencia e separar aquilo que si é semente de vida e aquilo que non. Por isto, os estudantes xesuítas dedican este tempo a escoitar antes de falar por conta propia ou, mellor dito, por conta de Deus.

  • Os Exercicios Espirituais seguen vixentes?

    Claro! Aínda que, agora que o dis, si pode ser que o nome lembre algo que fixeron os nosos avós en non sei que casa retirada. Isto quere dicir que hai moitos anos que se dan os Exercicios Espirituais. Case cincocentos anos! Xa ves, máis ca pasados de moda, son históricos.

    Mais isto non significa que non sexan actuais. Poderíancho contar os universitarios que este pasado verán fixeron unha semana de Exercicios Espirituais en Manresa ou Loiola. E tanta xente... Ti chamaríalo quizais “adestrar o espírito e recoñecer o desexo de Deus na nosa vida”. Quizais soe así máis actual. Admítense suxerencias.

  • Facer o voto de obediencia, coarta a liberdade da persoa?

    O voto de obediencia é o compromiso de escoitar a Deus que nos fala por medio dalgúns compañeiros. Eles, escoitándote e coñecendo aquilo que convén, encárganche unha misión. Como podes supoñer, a confianza en que Deus actúa neste proceso é moi importante.

    Visto con ollos humanos, os extremos tócanse. Fíxate: a plenitude da liberdade dáse cando se chega ó extremo do compromiso e á dispoñibilidade xenerosa. Comprométome porque quero. Desta maneira, porque queremos, poñémonos a disposición da misión do Reino de Deus.

  • Polo voto de obediencia ó Santo Pai, permítelle facer da Compañía de Xesús o que queira? Que sentido ten facer este cuarto voto?

    Este é un voto específico dos xesuítas. Santo Ignacio quixo explicitar con este compromiso que a Compañía se pon a disposición do Santo Pai para ir a calquera recuncho do mundo a levar a Boa Nova, un lugar fronteirizo aínda que sexa complicado. A Compañía ofrécese ó Santo Pai no que vemos a man de Deus para que dispoña de nós.

  • A misión do xesuíta, podería levalo a participar explicitamente en política?

    Se participar en política quere dicir implicarse na construción dun mundo máis xusto tal e como Deus o soña…, oxalá estivésemos tan implicados!

    Con todo, se participar en política quere dicir militar nun partido, exercer un cargo público ou identificarse cunha opción partidista, isto só se deu en situacións moi excepcionais, mais non é propiamente tarefa nosa.

  • Exactamente, a que se dedica un xesuíta?

    Se navegas por esta páxina web poderaste facer unha idea. A verdade é que os lugares onde estivemos ó longo dos anos e da historia foron variando. Dende o principio, quixemos estar alí onde se poida facer un maior servizo á Igrexa e ó noso mundo que Deus ama. En palabras do Evanxeo, queremos actuar como fermento na masa: imperceptíbeis mais eficaces.

  • Tódolos xesuítas son sacerdotes?

    Non. Digamos que hai tres tipos de xesuítas. Algúns están en proceso de formación e de incorporación ó corpo apostólico da Compañía de Xesús. Outros, os irmáns xesuítas, atopan a Deus en tódalas cousas vivindo a radicalidade dos votos relixiosos. Finalmente, os sacerdotes xesuítas engaden ó compromiso fiel dos votos a ordenación presbiteral e o servizo dos sacramentos na misión. Aínda que, e con todo agarimo, todos somos xesuítas dende que entramos no Noviciado.

  • Por que hai xesuítas en tódolos sitios?

    É verdade, estamos nos sitios máis variados. Non nos dedicamos a unha tarefa concreta senón que podemos realizar o noso espírito misioneiro de mil modos distintos sempre que en cada un deles aspiremos unicamente a "buscar e atopar a Deus en tódalas cousas".

    Como curiosidades cítoche algúns xesuítas ós que se lles atribúen inventos ou descubrimentos: Kamel, botánico ó que se lle debe o nome da flor “camelia”; Pedro Paéz, o descubridor das fontes do Nilo Azul; Atanasio Kirchner, gran matemático e inventor do proxector de diapositivas; Christopher Clavius, que elaborou o calendario gregoriano; e incluso o inventor da bicicleta foi xesuíta, Pedro Maser. Tamén é curioso que haxa un asteroide e 35 cráteres da lúa con nomes de xesuítas. Ademais algúns compañeiros foron grandes literatos como Baltasar Gracián, o P. Coloma ou o P. Isla (“Fray Gerundio de Campazas”), pintores como Andrea del Pozzo, arquitectos como Francisco Bautista ou músicos como Domenico Zipoli.